facebooktwittertwitter
fundacion
o_pedro_lopez.png

López Gómez, Pedro (Presidente)

Licenciado en Filosofía e Letras e Doutor en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense; e Documentalista pola Escola de Documentalistas de Madrid. Bolseiro do "Stage Technique International d'Archives" (Paris, 1978), e da "Bentley Historical Library" (Ann Arbor, Michigan, 1994). Membro do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos do Estado (Rama de Arquivos) (1974-1989 e 1996-1997), e do "Corpo Facultativo Superior de Arquivos" da Xunta de Galicia (1989-1996); foi Director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra (1974-1985), do Arquivo do Reino de Galicia, na Coruña (1986-1995) e do Arquivo da Coroa de Aragón, en Barcelona (1996-1997). Foi, dende 1997, profesor na Facultade de Humanidades, hoxe Humanidades e Documentación, da Universidade da Coruña, e Catedrático, hoxe xubilado, na área de Biblioteconomía e Documentación, impartindo docencia na Diplomatura en Biblioteconomía e Documentación, na Licenciatura de Documentación, nos Graos de Humanidades, e de Información e Documentación, e no Máster en Ciencias Documentais en Ámbito Dixital. Na actualidade é Profesor Honorario da devandita universidade.

As súas actividades seguiron catro direccións fundamentais:

  1. A investigación histórica: historia dos arquivos, as institucións e corporacións galegas, os ilustrados e as institucións culturais coruñesas, e as biografías de Cornide, Murguía e Igrexas Brage, entre outros personaxes. Citamos a súa tese doutoral La Real Audiencia y la conflictividad social en Galicia en la Edad Moderna (2 v., 1994 (2 v., 1994), publicada co título La Real Audiencia de Galicia y el Archivo del Reino (1996), e as monografías José Cornide, el coruñés ilustrado (1997), e La Expedición Iglesias al Amazonas ( (2001). Coordinou o Grupo de Investigación da UDC "La Herencia de la Ilustración = A Herdanza dá Ilustración" http://sieu.es/ahdi/,  Ten recoñecidos 5 tramos (sexenios) de investigación pola CNEAI e 6 (4 consolidados) pola ACSUG.
  2. A teoría arquivística e a xestión de centros de arquivos: estudos sobre os documentos de arquivo (2007), os sistemas de arquivos e as políticas arquivísticas españois, propostas e informes técnicos (1991, 2006) para a comunidade autónoma galega; e dirección ou realización de guías, catálogos e inventarios referentes ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e ao Arquivo do Reino de Galicia, en especial os catálogos de instrumentos de descrición documental, as guías temáticas, e os catálogos resultantes do proxecto de descrición informatizada do fondo da Real Audiencia, no Arquivo do Reino de Galicia. Conf. o seu artigo "Archival Science in Spain between 1975 and 2005: a review”, en Archival Science (2007) 7: 245-287.
  3. A docencia arquivística: foi asesor da sección de arquivos do Curso de Especialización en Ciencias Documentais, para post - licenciados, das Universidades de Lisboa, Coimbra e Porto (1984), e impartiu a materia de Arquivística nas de Lisboa (1984 1986, 1989) e Porto (1987, 1989, 1991, 1993), universidades coas que colaborou frecuentemente; realizou asesorías e cursos no Arquivo Xeral de Centro América (Guatemala) (1988 e 1991) e no Arquivo Nacional de Panamá (1993); dirixiu a Escola de Arquivos do Arquivo do Reino de Galicia (1988 1990); e participou no Máster de Arquivos da Universidade do País Vasco - Vitoria (1991, 1993, 1995), no curso de Arquivos Permanentes da Universidade de Recife (Brasil) (1994), na II e III Mestría en Xestión Documental e Administración de Arquivos da Universidade Internacional de Andalucía (2005; 2006), e no Máster CALSI da Universidade Politécnica de Valencia (2008, 2009, 2010 e 2011), entre outras; e dirixiu o Máster de Bibliotecas Escolares da Facultade de Humanidades da UDC (2007-2008). Tamén participou en numerosos cursos universitarios de verán; e en cursos varios de administracións públicas e asociacións profesionais. É autor de manuais e estudos de arquivística e documentos de arquivo (1985, 1990, 1994, 2007); entre outros El documento de arquivo. Un estudio (2007). Ten recoñecidos 3 quinquenios de docencia.
  4. O asociacionismo: membro da directiva da Anabad (Asociación Española de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas), en diversas Xuntas, ata 1996; fundador e primeiro presidente de Anabad Galicia (1983 1986), e membro do Grupo de Traballo dos Documentos de Arquitectura do Consello Internacional de Arquivos (1989 1996), e do "Grupo de Traballo de Arquiveiros de Galicia" (2001-...), entre outros

Foi Vogal do Comité de Ciencias Sociais e Xurídicas do Programa de Avaliación do Profesorado para a Contratación da ANECA (Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación) (2005-2008); e da Comisión de acreditación para o corpo de Titulares de Universidade, da rama de Ciencias Xurídicas e Sociais, do Programa Academia, de ANECA (2009-2010); e Experto ANEP para a Avaliación de Proxectos de Investigación 2012. Foi membro da CNEDA (Comisión Nacional de Normas de Descrición Arquivística), do Ministerio de Cultura (2007-2013, e pertence ou pertenceu a diversas comisións da UDC e doutros organismos. Preside, na actualidade, a Fundación Olga Gallego

Como autor, coautor, coordinador, director, editor literario, ou colaborador, publicou un centenar de títulos entre libros (34) e capítulos de libros (76); e un bo número de artigos de revista (83), que inclúen unha parte das súas comunicacións e relatorios a congresos (93); e ademais, notas, recensións, informes, memorias, folletos, e outros traballos imprimidos multigrafiados e/ou en soporte informático. Obras que versan sobre temas de historia moderna e contemporánea, biografías, bibliografía, documentación e documentos, arquivos e arquivística.